VI Xornadas Científicas da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria.

Estimados compañeiros dende o comité Organizador comprácenos convidarvos ás VI Xornadas Científicas da AGEFEC que se celebrarán os vindeiros 13 e 14 de Abril.

Nesta ocasión acolleranos a cidade de Ferrol, cidade que nace do mar e medra da man da ilustración no século das luces con ese espírito racional e crítico que busca liberarnos da oscuridade da ignorancia ca luz da razón.

Baixo o lema “abordando novos retos” queremos que vos embarquedes con nós nunha nova singladura para medrar xuntos e marcar o rumbo que queremos tomar no coidado das familias e da comunidade.

Dende o comité organizador quixemos ofrecer un programa que nos levase fóra das nosas consultas cara outros escenarios que son parte da esencia do noso traballo, o domicilio e a comunidade, nunhas situacións, como a fraxilidade e o final da vida, onde o acompañamento e o coidado de enfermaría son indispensables.

Esperamos que o programa sexa do voso interese e que vos acheguedes a Ferrol para compartir experiencias, aprendizaxe e espazos de reflexión e debate neste ilusionante evento.

 

Ignacio Couselo Fernández

Presidente do Comité Organizador

Solicitamos o seu permiso para obter datos estatísticos da sua navegación nesta web, en cumplimiento do Real Decreto-lei 13/2012. Se continúa navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK | Más información